Desde Plademar dirixímonos á Confraría de Noia, á Consellería do Mar e a Intecmar para perguntar se se está facendo algún estudo sobre as posibles causas da redución destas especies de ameixas.
Pola nosa parte, desde Plademar amosamos a nosa preocupación porque a Confraría hai anos que non sementa ameixa, cousa que se se tiver feito, agora podería paliar os efectos desta mingua até que se achase o motivo da mesma e poidera solucionarse.
A mesma Confraría construiu un viveiro hai anos para poder desarrollar crías de berberecho e ameixa e logo sementalas sen necesidade e tamén sen o risco de ter que compralas noutra ría, o cal podería levar a que viñeran con algunha praga que podería prexudicar os nosos bancos de marisco. Mais o problema aquí reside en que o criadeiro da Confraría leva fechado desde hai anos. O Cabido da Confraría dixo en decembro de 2016 que a sua intención era a de reabrir as instalacións e voltar a utilizalo, desexo que foi expresado máis tarde en diversas ocasións. Polo momento o viveiro segue fechado. Lamentablemente parece que teremos que seguir agardando.
Tamén desde a plataforma Plademar de novo facemos un chamamento a todas a confrarías da nosa ría para que se sumen ao sistema de venda online que está a promover a Xunta de Galicia. Este programa e a súa implantación resultará totalmente gratuíto para todas aquelas lonxas que queiran utilizalo. Sobra decir que este sistema fai moito máis competitivas as poxas, redundando nun maior incremento dos prezos de calquer produto do mar.
Outra demanda que recollemos do colectivo de mariscadores e mariscadoras é a consecución dun laboratorio, moi necesario para servizo da Confraría de Noia. Isto faría que se poidera levar a cabo un seguimento máis rigoroso na análise das augas da ría, sen ter que contratar os servizos de laboratorios privados, máis costosos e menos eficientes.