Defender o río e a legalidade fronte ás arbitrariedades das administracións ten un prezo: preto de 17.000€. Este é o importe total das multas con que a Subdelegación do Governo en Lugo impuxo a 34 veciños e veciñas de Sarria por evitaren a tala do bosque de ribeira do río Sarria ao seu paso pola vila. O órgano guvernativo considerou que en 2014, as persoas que
saíron á rúa a evitar a tala ilegal do bosque de ribeira e a urbanización do río que pretendía a Confederación Hidrográfica, cometeron "graves desordes".
Pola contra, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta, vén de impoñer á Confederación Hidrográfica unha multa de 1.062€ por infracción grave da Lei de Patrimonio Cultural, por alterar a contorna do Camiño Francés ao seu paso pola vila de Sarria, xustamente o que tentaban evitar os veciños e veciñas sancionados/as pola Subdelegación do Governo.
Se ben a multa de Patrimonio á CHMS debería ter unha contía de entre 60.000 e 150.000€ (art. 91h da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galiza), na instrución do expediente a Xunta reducíu a sanción a 3.000€ que finalmente a Directora Xeral deixou en 1.062€.
Dende ADEGA queremos expresar a nosa indignación pola inxustiza e o agravio comparativo que supón reprimir á veciñanza que defende a legalidade fronte á arbitrariedade da administración infractora, que pola súa banda, e malia ao seu ilegal proceder, recibe unha sanción ridícula.
Solidariedade coa veciñanza reprimida
A Plataforma Sarriana en defensa do río pon a disposición da cidadanía dúas contas bancarias para recadar fondos en solidariedade cos 34 veciños multados:
- Banco Santander, ES14 0081 2211 86 0001059406
- Banco Sabadell Gallego, ES09 0049 0457 31 2990687025.
Ligazóns
Novas relacionadas
- Contencioso contra a Xunta pola chafallada xurídica ao denegar protección para o ameneiral de Sarria
- O Consello da Cultura dá a razón á veciñanza e a ADEGA e considera prioritario conservar o ameneiral de Sarria
- A Consellaría de Medio Ambiente favorece a corta do ameneiral do río Sarria
- Ecoloxistas e investigadores/as en defensa das nosas árbores senlleiras fronte á desprotección que pretende a Xunta
- Multas de 6.900€ e recurte de dereitos por defender os nosos bosques
- ADEGA esixe a paralización da tala das árbores do Malecón de Sarria e solidarízase coa veciñanza



