A TEMPADA DE PESCA 2017 COMEZA EN GALICIA O 19 DE MARZO E REMATARÁ O 31 DE XULLO

Información
Rios de Galicia y España 02 Febrero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image
  • Así se establece nas normas de pesca en augas continentais que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)

  • Con carácter xeral, decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos, e os xoves non festivos só se poderá practicar a pesca sen morte

Santiago, 2 de febreiro de 2017.- A tempada de pesca para o 2017 comezará en Galicia o vindeiro 19 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na Orde anual que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) (http://bit.ly/2jGf1Vs) e que recolle a normativa pola que se regula a pesca das distintas especies nas augas continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

De acordo coa norma, e sempre con carácter xeral, os luns decláranse inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves laborais da tempada poderase pescar, pero só na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril, Xoves Santo, que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

En relación co intervalo de tempo habilitado para a pesca, estará permitido pescar entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. Para máis seguridade, as horas poderanse consultar na páxina web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.gal).

A pesca de salmón vai do 1 de maio ao 31 de xullo

O período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, salvo nos tramos compartidos do río Eo, que dará comezo o 30 de abril e rematará o 15 de xullo. Non obstante, cabe a posibilidade de que se adiante o remate da temporada en función das cotas de captura.

A cota de captura establecida permite un exemplar por persoa e xornada cunha dimensión mínima de 40 centímetros. No río Lérez, cota anual sitúase en 10 salmóns, mentres que no Ulla serán 60. No Mandeo, os exemplares serán 5, 15 no Masma, 8 no Miño e 10 no couto de Salmeán. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

En relación aos engados, a normativa indica que poden ser naturais: miñocas e quisquillas; ou artificiais: a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Para a pesca sen morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol sen arponciño.

A tempada do reo

A tempada do reo será hábil entre o 1 de maio e o 31 de xullo, pero poderá prorrogarse en determinadas augas: coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xuvia a tempada rematará o 30 de setembro; nos coutos de Lambre ata o 15 de setembro e nos coutos de Monteporreiro, Pontevea, Ximonde, Santeles e Sinde entre o 1 de agosto e o 30 de setembro só se permitirá a modalidade de pesca sen morte. No caso de Ponte Arnelas, o período vai do 1 ao 30 de setembro.

Os engados permitidos para o reo son os artificiais establecidos para o salmón, a máis do risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás as variades de ovas de peixes e o peixe natural. Nas augas salmoneiras está prohibido o uso de cebos naturais, agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.

A troita, dez exemplares por día e persoa

Para esta especie a tempada comezará o 19 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña retrasarase a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral, establécese a posibilidade de capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Especies exóticas invasoras

A pesca sobre especies exóticas invasoras axustarase ao establecido no Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, modificado por sentenza do Tribunal Supremo do 16 de marzo de 2016.

Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se aclaran as condicións da captura dos ciprínidos, que manteñen o mesmo réxime que o da anterior tempada.