ADEGA e a CHMS asinan un convenio para o desenvolvemento do Proxecto Ríos na bacía do Miño Sil

Información
Rios de Galicia y España 16 Abril 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

20160318_102917_red.jpgADEGA asinou o pasado 11 de abril, un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para o desenvolvemento de actividades con voluntariado na bacía do Miño-Sil durante o 2016 dentro do programa Proxecto Ríos.

O presidente da CHMS, Francisco Marín e a presidenta de ADEGA, Virginia Rodríguez, asinaron dito convenio por un importe de 10.000€, cos que se realizarán actividades de divulgación e posta en valor da riqueza natural dos ríos da bacía do Miño-Sil. Entre outras accións, desenvolverase un campo de voluntariado ambiental no río Tea, saídas formativas con voluntariado e roteiros interpretativos na contorna da bacía do Miño-Sil, así como unha limpeza simultánea de ríos. No día Mundial da Auga, ADEGA ven de asinar coa Xunta, a través de Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio, pertencentes á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a continuidade do Proxecto Ríos para 2016. A presidenta de ADEGA e Coordinadora do proxecto, Virginia Rodríguez, asinou o convenio de colaboración que dota de orzamento ao Proxecto Ríos, coa Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.
Na actualidade, o Proxecto Ríos conta con 322 grupos de voluntarios/as que supoñen a participación de máis de 3.500 persoas no estudo e conservación dos ríos. Este convenio permitirá desenvolver actividades de capacitación do voluntariado fundamentais para acadar unha participación activa da cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais. Son 12 anos xa de traballo continuo, ao longo de tres lexislaturas e con governos de moi distinta cor política, o que avala o valor e o interese deste proxecto colectivo de custodia fluvial, que pretende unir ríos e persoas.