CONFÍRMASE O VERQUIDO NA PRAIA FLUVIAL DA CALZADA DE PONTE CALDELAS

Información
Galicia 17 Junio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

Segundo informaron os técnicos de Medio Ambiente ao Alcalde, Andrés Díaz, o verquido procede da EDAR do Concello de A Lama.

               O goberno local de Ponte Caldelas estuda establecer unha demanda contra o Concello de A Lama.

Ponte Caldelas, 17 de xuño de 2015

               Durante a mañá de hoxe chegaron os resultados das análises efectuadas na Praia Fluvial de A Calzada o pasado luns tras detectarse que as augas presentaban unha cor que non era a habitual. Estas análises confirmaron a presunción inicial dun verquido procedente da EDAR de A Lama tal e como o rexedor de Ponte Caldelas viña manifestando nos distintos medios de comunicación.

               A este respecto, o Goberno Local mostrará a súa "firme oposición ante calquera agresión ó río e tomará cantas accións e denuncias correspondan para que non se volva a producir un incidente deste tipo". Da mesma maneira informou de que "o Concello de Ponte Caldelas emprenderá unha denuncia a Medio Ambiente e Augas de Galicia co fin de que por parte desta administración se tomen as medidas oportunas e se teña o máximo coidado para que isto non se volva a producir". Finalmente apuntou "que atacar ao río de Ponte Caldelas e á súa Praia Fluvial é atacar directamente aos veciños e veciñas do noso municipio".

               Por outra banda, durante esta mañá os técnicos de Saúde Ambiental da Xunta de Galicia xa procederon a recoller unha nova mostra que se espera que de cara ao venres poida confirmar que as augas volven á normalidade.