Imprimir
Categoría: Galicia

González Formoso destaca en Lorbé a “importancia clave” do sector mexilloeiro coruñés

Información
Galicia 13 Septiembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe as bateas do Grupo Proinsa, en Lorbé (Oleiros), unha das empresas privadas con maior número de bateas de cultivo de mexillón de Galicia, onde destacou a "importancia clave" do sector mexilloeiro "un dos máis importantes da provincia, xunto ao conserveiro, no mundo do mar" pola súa produción, número de empregos e actividade económica que xera ao seu arredor.


Acompañado dos directores da compañía, Mª Dolores e Juan José Fernández, o presidente da Deputación embarcouse nun dos cinco barcos cos que conta a empresa para coñecer de primeira man o proceso de cultivo do mexillón nas máis de 100 bateas instaladas fronte ás costas de Sada e Lorbé. Unha actividade que xera emprego directo a máis dun centenar de persoas na comarca coruñesa, que chegan ás 150 nas épocas do ano con maior actividade, e que produce anualmente arredor de 15 millóns de quilos deste prezado molusco, dos que entre 8 e 10 proveñen das bateas de Proinsa.
González Formoso destacou a "gran tradición" coa que contan os cultivos de mexillón en Lorbé, pero tamén noutros puntos da provincia como a comarca de Arousa Norte ou a ría de Muros e considerou que a actividade representa "unha unión entre os dous mundos de Galicia", xa que os mexillóns "xeran unha gran actividade nas zonas de costa, pero tamén no interior, como é o caso desta empresa que produce nestas rías, pero transforma o produto noutra planta no interior de Galicia".
Galicia, líder europeo en produción de mexillón
O presidente da Deputación destacou o "rol esencial do mexillón na acuicultura galega", que representa máis do 90% dos cultivos existentes, e as máis de 3.000 bateas instaladas nas rías galegas "que nos converten no principal produtor europeo de mexillón", pois o 95% da produción estatal deste molusco provén de Galicia. Formoso incidiu ademais na importancia histórica desta actividade "que fixo emerxer ao seu arredor conserveiras e outras empresas que participan do crecemento industrial coruñés". Os responsables da empresa destacaron tamén o gran número de empregos indirectos que xera a actividade bateeira en sectores como o do transporte, transformación e venda, o conserveiro ou o madeireiro.
Aposta pola innovación
O presidente provincial coñeceu tamén o rigoroso e exhaustivo control sanitario que se fai do produto, tanto dende a administración como dende a propia empresa produtora, con numerosos controis e análises que fan que o mexillón chegue sempre en condicións óptimas ao consumidor e gabou a "aposta pola innovación" do sector tras coñecer o dispositivo de long-lines que Proinsa ten instalado na ría sadense como cultivo experimental para captar cría de mexillón.
Trátase dun sistema experimental e único en Galicia que, mediante un sistema de boias e cordas, nun espazo marítimo pechado con redes aos seu arredor, permite ás sementes de mexillón fixarse e ir medrando antes de comezar o seu período de cultivo nas bateas.
Os responsables de Proinsa explicaron todos os detalles da produción do mexillón, que ten un longo proceso de crecemento e maduración de entre 18 e 24 meses en bateas feitas con madeira de eucalipto ata acadar o seu punto óptimo para o consumo, e destacaron que o mexillón galego continúa sendo o máis valorado pola súa calidade, prezo e garantías sanitarias.