Imprimir
Categoría de nivel principal o raíz: Especiales
Categoría: Conservas

Contraincendios actúan contra unha fuga de amoníaco nunha conserveira de Sanxenxo

Información
Conservas 05 Enero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

En total desprazáronse dez profesionais e o xefe do parque do Morrazo do Consorcio Provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra

Dez profesionais e o xefe do parque do Morrazo do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra, participaron hoxe nas operacións de control dunha fuga de amoníaco rexistrada nunha firma conserveira do lugar da Torre, na parroquia de Adina, en Sanxenxo, sen que se rexistrasen danos persoais.

As instalacións da empresa foron desaloxadas a primeira hora da mañá deste mércores tras rexistrarse a fuga nunha cámara de frío. Todo o persoal evacuado atopábase en boas condicións, aínda que unha muller tivo que ser trasladada a un centro de saúde tras sufrir un ataque nervioso.

A fuga de amoníaco foi neutralizada e controlada grazas á intervención do equipo técnico da propia fábrica. Os efectivos contraincendios do Consorcio desprazaron os dous vehículos de primeira saída de Vilagarcía de Arousa e Ribadumia xunto co equipamento para afrontar riscos químicos.

Tras acordoar a zona, os efectivos contraincendios realizaron medicións de amoníaco, que resultaron na detección de baixas cantidades. Así mesmo, avisouse o persoal da empresa encargado do mantemento do sistema de frío da conserveira para que procedese á súa revisión completa.

O operativo de emerxencias púxose en marcha logo de que unha persoa chamase ao 112 Galicia, ás 8:00 horas desta mañá, para alertar da fuga. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou a Urxencias Médicas, aos efectivos contraincendios do Salnés e de Pontevedra, así como ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo, que enviou catro efectivos. Tamén foi informada a Policía local, que enviou unha patrulla, e a Garda civil, que enviou dúas.