As ONG opóñense á exportación de cinco corvetas de Navantia a Arabia Saudí, que viola o dereito internacional

Información
Astilleros 28 Enero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image
  • Denuncian o risco claro do seu uso no bloqueo naval saudí dos portos de Iemen, unha violación grave do dereito internacional humanitario
  • Alarmadas polas ventas a Arabia Saudí en 2015, piden ao Parlamento e ao novo goberno que aborde a mellora do control e a transparencia do comercio de armas

Os Directores de Amnistía Internacional, FundiPau, Greenpeace e Oxfam Intermón enviaron unha carta aberta a Navantia e ao presidente do Goberno en funcións na que manifestan a súa oposición á inminente sinatura dun contrato entre Navantia e Arabia Saudita para a construción de cinco fragatas do tipo Avante 2200 para a armada saudí. As ONG denuncian o risco claro de que Arabia Saudita utilice as fragatas no bloqueo naval ao que somete a Iemen desde o 25 de marzo de 2015, cando iniciou unha devastadora campaña de bombardeos aéreos en Iemen na que se cometeron graves violacións do dereito internacional humanitario, incluídos crimes de guerra. O bloqueo naval de Iemen por parte da coalición saudí é unha violación grave do dereito internacional humanitario.

Segundo a ONU, no conflito de Iemen morreron 5.979 persoas, máis de 28.000 resultaron feridas e hai máis de 2,5 millóns de persoas desprazadas internas. Máis de 21 millóns de persoas necesitan axuda humanitaria para cubrir as súas necesidades básicas, nunha crise exacerbada polo bloqueo naval de Iemen. Os ataques aéreos lanzados en Iemen pola coalición encabezada por Arabia Saudita, incluídos ataques aéreos contra escolas, incumpren o dereito internacional humanitario, e a coalición saudita usou municións de acio.

A exportación destas fragatas supoñería unha clara violación do dereito internacional, incluídos o Tratado sobre o Comercio de Armas, a Lei 53/2007 sobre o control do comercio exterior de material de defensa e de dobre uso, a Posición Común da UE que define as normas que rexen o control das exportacións de tecnoloxía e equipos militares e os Principios Reguladores das Transferencias de Armas Convencionais adoptados pola OSCE, ademais da responsabilidade das empresas de respectar os dereitos humanos segundo o Marco da ONU “Protexer, Respectar e Remediar” para as Empresas e os Dereitos Humanos e nos Principios Reitores sobre Empresas e Dereitos Humanos adoptados pola ONU en 2011.

Segundo datos oficiais, no primeiro semestre de 2015 España autorizou a venda a Arabia Saudita de material de defensa como bombas torpedos e mísiles, sistemas de dirección de tiro e avións por valor de máis de 27 millóns de euros. Nese período, as exportacións a Arabia Saudita, dous avións de reabastecemento en voo, repostos e asistencia técnica, ascenderon a máis de 447 millóns. En relación coas negociacións para a formación do goberno español, as ONG solicitan que se aborden medidas para mellorar o control e a transparencia do comercio de armas para evitar a venda de armas para cometer violacións graves do dereito internacional.