A USC lidera un proxecto para promover a sustentabilidade da pesca marítima recreativa en España

Información
Portada 14 Abril 2018
social youtube xornalgalicia   feed-image

pescadordeportivo2Analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa (PMR) en España é o principal obxectivo do Proxecto SICORE, que lidera a Universidade de Santiago de Compostela e que conta co financiamento da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

En Europa practican a PMR preto de 10.000.000 de afeccionados que xeran un gasto para o desenvolvemento da actividade de arredor de 6.000 millóns de euros anuais. En España estímase que son 300.000, cun gasto directo aproximado de 217 millóns.

Diante destes datos, a Política Pesqueira Común recoñece que a pesca recreativa pode ter un impacto significativo nos recursos pesqueiros e por iso a Unión Europea comezou a lexislala de maneira conxunta coa pesca comercial. Para afrontar esta estratexia é necesario realizar un maior esforzo investigador que permita recompilar datos da actividade e así poder xestionala dunha maneira máis sustentable.

Non obstante, en España non existe unha recollida sistemática de información sobre a PMR en materia de participación, esforzo, capturas, gastos e perfil social dos pescadores, tal e como propón o grupo de traballo sobre pesca recreativa do International Council for the Exploration of the Sea. Esta cuestión pode resultar un problema, xa que se a Comisión Europea considera que España non está cumprindo as súas obrigas neste campo, podería impor sancións económicas tales como a imposibilidade de recibir fondos FEMP.

Resultados de aplicación en toda España
 Para dar resposta a esta necesidade nace o Proxecto SICORE, que nesta primeira etapa se está dedicando a compilar a analizar toda a información e investigación existente acerca da PMR en España. Ademais, cara ao remate do ano está prevista a celebración don simposio internacional no que se orientarán as futuras políticas de investigación e xestión da actividade en España. Finalmente, co consenso de todas as partes implicadas, elaborarase un Código de Boas Prácticas para a actividade

Os resultados do proxecto serán de aplicación en todo o litoral e en todas as augas territoriais españolas (tanto de competencia autonómica como estatal), coa previsión de desenvolver acción específicas en Baleares, Cataluña, Galicia, Murcia e o País Vasco.

O consorcio de SICORE está integrado por algúns de los científicos más recoñecidos no mundo no ámbito do estudo da PMR e do sector en Europa e España. O equipo investigador que coordina a USC –nomeadamente o profesor de Economía Aplicada Sebastián Villasante e o investigador posdoutoral da Xunta de Galicia Pablo Pita Orduna– está formado ademais pola Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (FEDPEMAR), o Centro Tecnolóxico AZTI-Tecnalia, as Universidades de Girona e Murcia e o CSIC a través do CEAB-CSIC e do CSIC-IMEDEA.