Imprimir
Categoría: Actualidad

Unha investigación da USC estuda a potencialidade das macroalgas para o seguimento e control da contaminación

Información
Actualidad 03 Enero 2020
social youtube xornalgalicia   feed-image

Traballo de campo desenvolvido por Rita García SeoaneTraballo de campo desenvolvido por Rita García Seoane

A análise das algas é unha técnica que vén empregándose dende hai máis de medio século para proporcionar unha estima realista do impacto de certos contaminantes no medio acuático. Porén, na actualidade aínda se detecta a carencia de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas. Neste eido de actuación, sitúase a investigación levada a cabo pola bióloga Rita García Seoane, quen acaba de estudar a potencialidade das macroalgas para o seguimento e control da contaminación, alén de afondar na mellora e definición de novos métodos para a súa aplicabilidade. 

 

“Dado que a contaminación por metais, metaloides e nutrientes provoca unha degradación constante dos ecosistemas costeiros e mariños, a vixilancia e a avaliación da calidade do medio están a converterse nunha prioridade a nivel mundial, con medidas e estratexias lexislativas para mitigar o impacto da contaminación, así como protexer e conservar os ecosistemas”, sinala esta investigadora pertencente ao Instituto Cretus da USC, centrado no estudo das tecnoloxías ambientais. “A análise das algas proporciona unha estima realista do impacto deses contaminantes no medio acuático, pois moitos deles son persistentes e poden ser tóxicos e susceptibles de biomagnificarse nas cadeas tróficas” apunta. 

Rita García Seoane durante o acto de lectura da tese
Rita García Seoane durante o acto de lectura da tese

Unha das principais razóns polas que as algas aínda non están incluídas en programas de monitoraxe ambiental é a falta de protocolos estandarizados que describan como deberían aplicarse estas técnicas. “Diferentes autores levan empregando unha ampla variedade de métodos, a inmensa maioría pouco consensuados e sen criterio científico”, explica García Seoane. Neste senso, o obxectivo primordial do estudo consistiu na realización dunha avaliación exhaustiva dos aspectos básicos da metodoloxía empregada nos estudos de monitoraxe de contaminantes utilizando macroalgas, a fin de fomentar o uso destes organismos en estudos extensivos regulados pola lexislación medioambiental vixente. 

Protocolo estandarizado
Aqueles aspectos metodolóxicos fundamentais para o bo desenvolvemento desta práctica foron tratados realizando estudos experimentais a través do emprego da alga parda Fucus vesiculosus, considerada unha especie modelo en biomonitoraxe amplamente estendida nas costas do Atlántico Norte. Así, a partir dos resultados obtidos, achégase un protocolo estandarizado e ofrécense orientacións para garantir a calidade dos resultados logrados neste tipo de estudos. As achegas da investigadora do Instituto Cretus permitiron estandarizar algúns aspectos metodolóxicos importantes para facilitar a aplicabilidade desta técnica, como por exemplo, aqueles relacionados coa recolección e procesado das mostras. 

Os resultados desta investigación, froito da tese de doutoramento de Rita García Seoane,  publicáronse en diversas revistas científicas de alto impacto como Science of the Total EnvironmentEnvironmental Pollution ou Ecological Indicators. No marco da investigación, Rita García Seoane tamén levou a cabo colaboracións con outros centros de investigación internacionais como a University of South Florida nos Estados Unidos e o Okinawa Institute of Science and Technology Graduate University de Xapón, onde realizou cadansúa estancia de investigación en 2017 e 2018, respectivamente.

Este traballo desenvolveuse no Grupo de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal e foi dirixido polo profesor da USC Jesús Aboal Viñas e a investigadora da Estación Biolóxica de Doñana, pertencente ao CSIC, Teresa Boquete Seoane. A tese, que obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, desenvolveuse grazas á financiación conseguida no programa de axudas predoutorais para a Formación do Profesorado Universitario (FPU) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.