Información

Vilagarcía prepárase para o Combate Naval máis potente dos últimos anos

Información
Diario Marítimo ; 18 Agosto 2018

As Festas de San Roque celebran mañá un dos actos máis emblemáticos e esperados: O Combate Naval. Con 152 anos de historia, o espectáculo pirotécnico deste ano será o máis potente das últimas edicións, xa que se queimarán 200 quilos máis de pólvora que o que viña sendo habitual, sumando un total dos 800 necesarios para lanzar os 6.500 disparos cos que se iluminará o ceo de Vilagarcía a noite do sábado.

 O Combate Naval desenvolverase a partir da media noite de mañá, sábado 18 de agosto, na zona do Peirao do Ramal e as Praias de Compostela e A Concha. O multitudinario acto co que Vilagarcía conmemora dende hai 152 anos o asedio ao porto do Callao, en Perú, incluirá como é tradición dende os seus inicios unha representación famoso combate naval que lle da nome, para o cal disporanse no mar de tres embarcacións e en terra dun castelo de 30 metros de largo por 12 de alto, que cruzarán cañonazos de luz e son.

 

O espectáculo pirotécnico deste ano terá unha duración de 25 minutos ininterrompidos nos que se combinarán os fogos aéreos cos acuáticos e tamén lucería en terra lanzados mediante carcasas, baterías e candeas romanas. Como é habitual, Pirotecnia Penide, a empresa que se encarga dende hai anos da organización do tradicional Combate Naval, incorporará ao espectáculo as últimas novidades en fogos de artificio, tanto nas cores como nas formas que se poderán ver nos disparos aéreos e nos acuáticos. Estas serán so unha das sorpresas que a organización ten preparada para os milleiros de persoas que soen acudir a zona das praias de Vilagarcía para admirar o Combate Naval. Unha gran traca final e unha secuencia de bombas porán fin ao espectáculo.

O Concello de Vilagarcía conta este ano cunha subvención da Deputación provincial de Pontevedra para financiar parte do orzamento do Combate Naval