UN MES DA VIAXE OCEÁNICA DA TARTARUGA MARIÑA “ROSTRO”

Información
Galicia 31 Julio 2015
social youtube xornalgalicia   feed-image

SNZKfzQVu8IQthWAoIpTS24l5N6SE05ZYj7Sgcv5XQQAs costas de Galicia supoñen un paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas que procedentes das áreas de cría do Caribe se distribúen polo Atlántico ao longo da súa longa vida, para voltar a reproducirse nas praias de orixe.

A tartaruga mariña ROSTRO foi localizada varada en marzo de 2014 na praia do Mar do Rostro, en Fisterra, durante aqueles durísimos temporais do inverno. Presentaba graves laceracións nas patas, causadas por aparellos de pesca e preeiros, sobre todo cunha gravísima estrangulación da aleta anterior esquerda por causa dunha liña que lle cortou o perímetro da aleta ata o oso. O exemplar mediu no momento de varamento 30 cm e pesou quilo e medio.

Na súa complicada primeira fase da recuperación mantívose na UCI de tartarugas mariñas que a CEMMA ten instalada dentro da estrutura da Rede de Varamentos para o cumprimento do servizo da asistencia de varamentos da Xunta de Galicia, e posteriormente, na segunda fase, no Acuario do Grove.

No mes de xuño, con 40 cm de lonxitude e máis de catro quilos de peso o exemplar foi embarcado no porto de Portosín, Porto do Son, para ser liberado a 20 millas fronte a Corrubedo.

Por primeira vez a CEMMA instalou un emisor satélite na cuncha da tartaruga co obxectivo de coñecer a capacidade de sobrevivencia e os seus movementos. Este proxecto foi posible coa colaboración do Centro de Recuperación de Fauna Mariña de Quiaios, Figueira da Foz, xestionado pola Sociedade Portuguesa para a Vida Selvagem-SPVS.

Neste mes de viaxe nas augas abertas ROSTRO percorreu 600 km, unha media de case 9 km/día, chegando a áreas mariñas oceánicas onde se superan os 4000 metros de profundidade e mesmo aos arredores da montaña submarina do Banco de Galicia.

Enviamos foto do percorrido:

https://www.dropbox.com/s/ko5jmnbhyu13vih/Seguimento_Tartarugas_CEMMA2.jpg?dl=0

e do exemplar, Fotos CEMMA:

https://www.dropbox.com/sh/7fbl154zohy6zhp/AACe1aZhdt_cZ_AWLW9K-dMza?dl=0