Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

Restauración do paseo do río Sarela

Información
Rios de Galicia y España 19 Enero 2017
social youtube xornalgalicia   feed-image

O Plan de Medio Ambiente (PMA) da Deputación da Coruña financia, con 61.222 euros, un proxecto para restaurar e mellorar o itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela", que discorre integramente polo concello de Santiago de Compostela.

Este afluente do Sar de tan só dez quilómetros foi o núcleo da actividade pre industrial da cidade de Santiago, vinculada ao aproveitamento da auga e da súa enerxía, que aínda se percibe pola enorme presenza de patrimonio etnográfico coma muíños, curtidoiros, pontes, lavadoiros ou fontes.

Co obxectivo de poñer en valor este patrimonio cultural e etnolóxico, o proxecto financiado pola Deputación contempla a renovación da totalidade da sinalización da ruta e os paneis informativos.

As novas sinais tamén porán en valor outros elementos de interese coma a Igrexa de O Carme de Abaixo ou as fincas de O Espiño e San Lourenzo, coas súas respectivas carballeiras.

O sendeiro discorre sobre camiños de ribeira de pescadores e de acceso aos muíños e curtidoiros, que enriquecen a vertente cultural e de observación da natureza da senda, pero que presentan deficiencias a causa da humidade e da falta de mantemento.

Para solventar estas carencias, os fondos provinciais financian a reparación dos pavimentos con problemas de anegamento e danos provocados polo arrastre do auga, construíndo canles en pedra para a drenaxe en superficie. Así mesmo, nalgúns tramos instalaranse pasos con pedras de granito para favorecer o tránsito nas zonas máis húmidas.

Nas pontes que se atopan en mal estado, aplicarase unha resina sintética na tarima de madeira. Tamén se restaurará o mobiliario urbano limpándoo a presión, ancorándoo e repintándoo, e retiraranse os elementos deteriorados.

As actuacións complétanse coa reparación das varandas existentes e a instalación de novos elementos de seguridade en zonas con risco de caídas