Imprimir
Categoría: Rios de Galicia y España

O biofilm formado sobre sedimentos de río ten un papel esencial na retención e redución da toxicidade do arsénico en ecosistemas fluviais

Información
Rios de Galicia y España 22 Noviembre 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Os biofilms ou biopelículas reteñen activamente arsénico (As) e modifican a súa especiación química, promovendo así unha diminución da súa mobilidade e toxicidade. Estes efectos poñen de manifesto a importancia dos biofilms na calidade dos ecosistemas acuáticos naturais e a súa potencial aplicación en sistemas biotecnolóxicos de depuración de augas. A investigación levouse a cabo nos laboratorios do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Farmacia baixo a dirección de  María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros.
O enxeñeiro químico Diego Martiñá estudou na súa tese de doutoramento o efecto do biofilm que se forma sobre os sedimentos de fondo do río Anllóns (Galicia) no comportamento bioxeoquímico do arsénico, que se atopa en elevadas concentracións nalgúns tramos deste río debido a causas relacionadas coa presenza de mineralizacións de ouro e arsénico e agravadas pola actividade mineira levada a cabo de xeito descontinuo dende a época romana.
Os estudos de campo realizados para avaliar o risco de transferencia de arsénico dende solos con altas concentracións ás masas de auga demostraron que a mobilidade potencial está fortemente afectada polas condicións experimentais, como a relación sólido:líquido, o pH e a presenza de fosfato. A distribución do biofilm ao longo da canle fluvial vese afectada polas condicións do sitio, particularmente polo contido de nutrientes, amosando un predominio das diatomeas. Estudos levados a cabo en biorreactores demostran que o biofilm fluvial incrementa a inmobilización de arsénico por procesos de adsorción superficial e absorción polas células, inhibe a redución de As(V) a As(III) e produce a metilación do arsénico inorgánico, o que pode considerarse un proceso de detoxificación
Conclúese do conxunto deste traballo que os biofilms epipsámicos desempeñan un papel relevante na calidade ambiental dos sistemas fluviais, nomeadamente na bioxeoquímica do As, por diversos mecanismos: aumentando a súa retención, especialmente cando As e P están presentes simultaneamente no medio, afectando á especiación de As na columna de auga, ao inhibir a aparición de altas concentracións de As(III) e metilando o As inorgánico, converténdoo en formas menos tóxicas.
Tribunal da tese A investigadora do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia-CSIC Montserrat Díaz Raviña, presidiu o tribunal da tese, do que tamén formaron parte o profesor da Universidade de Vigo Manuel Arias Estévez e a profesora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Benita Silva Hermo. A tese mereceu a máxima cualificación de Sobresaliente  cum laude.