A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de conceder as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores da provincia de Pontevedra para investimentos por valor de 190.126,31 €, unha cifra moi próxima ao cen por cen do orzamento aprobado para este fin, situado nos 200.000 €. As axudas foron concedidas a 18 confrarías de pescadores e pescadoras de 15 concellos da provincia. A todas elas se lles valorou coa máxima puntuación en cuestións como a adecuación dos investimentos aos intereses provinciais, ao considerar que o seu bo funcionamento é fundamental para o desenvolvemento do sector pesqueiro da provincia.
Estas subvencións, que puideron ser solicitadas por todas as confrarías, a federación provincial de confrarías e, por primeira vez, as agrupacións de mariscadores e mariscadoras da provincia de Pontevedra legalmente constituídas e que desenvolvan as súas actividades no ámbito provincial, teñen como obxecto apoialas en proxectos e actuacións que se enmarquen en eidos como os seguintes: a formación técnica e asesoramento para o seu desenvolvemento, o uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e o aforro enerxético ou a adquisición de equipos e sistemas informáticos, entre outros.
Das 18 solicitudes presentadas, as melloras na produtividade e as novas tecnoloxías foron as liñas de axuda máis demandadas polas confrarías. Cabe resaltar, ademais, que todas estas axudas derivarán na creación de postos de traballo.
A listaxe de confrarías beneficiarias é a seguinte: no concello de Bueu, a Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu; en Cangas, San Xosé de Cangas e San Cipriano de Aldán; no Grove, San Martiño do Grove; na Guarda, Santa Tecla de A Guarda; na Illa de Arousa, San Xulián da Illa de Arousa; en Moaña, San Martiño de Moaña; en Poio, San Gregorio de Raxo; en Pontevedra, San Telmo de Pontevedra e San Andrés de Lourizán; en Redondela, San Xoán; en Sanxenxo, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía de Sanxenxo; en Soutomaior, Virxe do Carme de Arcade; en Vigo, San Francisco; en Vilaboa, Pedra da Oliveira; en Vilagarcía de Arousa, Santiago Apóstolo de Carril e, por último, A Pastoriza en Vilanova de Arousa.