Pontón e Callón reivindican a rexeneración das rías galegas nun acto simbólico de limpeza dun areal

Información
Galicia 05 Junio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Ana Pontón e Carlos Callón reivindican a rexeneración das rías galegas limpando un arealO BNG aproveitou a Día mundial do medioambiente para reivindicar a rexeneración integral das rías galegas cun acto simbólico de limpeza do Areal de Boa Grande en Noia, e demanda un plan con orzamento específico que salde a débeda que o Estado ten con Galiza nesta materia.

“Estamos ante un ecosistema único non só desde o punto de vista ambiental senón que ademais constitúe un dos motores económicos, porque as rías son a principal empresa en termos de creación de emprego”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras denunciar o “fracaso” da xestión de augas do Executivo galego.

“Pasamos da etapa de goberno de Fraga que pensaba que os problemas das rías se solucionaban con paseos marítimos á etapa do señor Feijóo, quen pesa que a única xestión que hai que facer en materia de xestión de augas e subirlle os impostos aos galegos e as galegas”, alegou Pontón. Unha incompetencia política á que se suma a discriminación do Estado “cando se tratou de aportar recursos para a rexeneración e depuración das augas das rías galegas”.

Pontón avanzou as proposta do BNG: “recuperar o tempo perdido cun plan con dotación específica que cubra a débeda histórica que o Estado ten con Galiza en materia de rexeneración e saneamento das nosas rías, un auténtico valor ambiental, económico e de creación de emprego que non podemos esquecer”.

Por contra, o Bloque advirte da constante perda de postos de traballo no sector do marisqueo, con 500 empregos menos desde que Feijóo chegou a Xunta, a maior parte emprego feminino. “A recuperación das rías non pode seguir agardando”, concluíu Pontón.

Ana Pontón e Carlos Callón reivindican a rexeneración das rías galegas limpando un areal

No acto de limpeza do areal, o cabeza de lista de BNG-NÓS por Coruña, Carlos Callón, cualificou de “prioritario” a recuperación das rías “e así o demostramos cada vez que temos representación nas institucións, presentando propostas e iniciativas en defensa da posta en valor deste ecosistema”.

Callón lembrou o tempo en que Galiza foi “potencia” pesqueira. “Fomos terceira potencia pesqueira e marisqueira a nivel mundial cando eu ou Ana éramos rapaces e hoxe estamos en franco retroceso, e iso ten responsabilidades políticas concretas por parte da Xunta. Os problemas políticos requiren solucións políticas”.

“Desde o BNG seremos incansables na defensa do noso medioambiente por razóns económicas, pero tamén porque é un patrimonio natural de todos e de todas nós”, indicou Callón.