A demolición do acuario da Compostela comeza o luns

Información
Portada 06 Marzo 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

Cumpridos todos os prazos e trámites legais pertinentes, a esperada demolición do acuario da Praia de Compostela iniciarase o luns. A Xefa Territorial de Costas do Estado, Cristina de Paz Curbera, comunicou a noticia ao alcalde, Alberto Varela, e aseguroulle que os traballos executaranse nun prazo de quince días, polo que a Praia estará libre e en perfecto estado para a temporada de Semana Santa.

As obras de derribo teñen un custe de 80.000 euros que financia íntegramente Costas, organismo que tamén se encarga da execución dos traballos. A retirada do edificio do medio do areal non se pudo levar a cabo a finais do pasado ano, como estaba previsto, porque dende Madrid advertiron á xefatura provincial da necesidade de contar cun proxecto de demolición, polo que houbo que esperar a que se redactara e a pasar o preceptivo prazo de exposición pública. Segundo informou e Paz Curbera, só se presentou a alegación dun particular que pedía que se retiraran as paredes pero que se mantivera a plataforma do edificio como miradoiro. A alegación foi desestimada polo organismo estatal dado que contradice a causa mesma do derribo do acuario, que invade o areal e supón unha barreira que afea a contorna.  Resolta a alegación, Costas tivo que proceder ao nomeamento do responsable de saúde e seguridade dos traballos. A demolición foi encargada a Tragsa. Durante a realización dos traballos inhabilitarase como aparcamento a calexa que da acceso ao acuario directamente dende Rosalía de Castro a efectos de instalar as casetas de obra. So se permitirá a entrada e saída a garaxes. De xeito puntual, o luns tamén se restrinxirá o aparcamento e paso de vehículos na calexa anterior que da acceso ao paseo marítimo, dado que por aí será por onde acceda ata o acuario a maquinaria de derribo. A Policía balará as calexas durante a fin de semana para que estean despexadas o luns. 04.03.2016.- A demolición xa fora requirida por Costas hai tempo por tratarse dun edificio construído en dominio público marítimo terrestre, nunha concesión que caducara  hai xa cinco anos. A actuación conta ademais co beneplácito do Concello a través dunha resolución da Xerencia de Urbanismo na que están representados todos os grupos da Corporación.