OS SOCIALISTAS CONSIDERAN A PRÓRROGA DA CONCESIÓN A ENCE EN PONTEVEDRA “OPACA E POLA PORTA DE ATRÁS, CUN SUPOSTO INFORME FAVORABLE DA XUNTA QUE NINGUÉN COÑECE”

Información
Consellería do Mar Xunta de Galicia 26 Enero 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O PSdeG rexistra varias iniciativas no Parlamento para esixir “de forma urxente” o informe no que se basea a decisión do Ministerio e o documento no que se outorga a prórroga

“Feijóo fala de limitar a capacidade dos gobernos en funcións a asuntos ordinarios e hoxe atopámonos con isto”, sostén Patricia Vilán, portavoz de Medios Ambiente dos socialistas na Cámara galega

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2016. Os socialistas galegos consideran a prórroga de sesenta anos da concesión a Ence na ría de Pontevedra “opaca e pola porta de atrás, da man dun goberno en funcións e cun suposto informe favorable da Xunta que ninguén coñece”.

“Ence vai estar 114 anos en Lourizán con esta prórroga, non hai investimento que amortice esta situación”, asegura Patricia Vilán, portavoz de Medio Ambiente do PSdeG no Parlamento.

Os socialistas rexistraron esta mesma tarde na Cámara varias iniciativas nas que demandan “o suposto informe da Xunta que reflicte que a empresa cumpre os parámetros de autorización ambiental integrada, así como o documento que outorga a prórroga a Ence”.

O PSOE presentará tamén no Congreso dos Deputados varias solicitudes de información sobre esta decisión do Goberno en funcións, ademais de pedir un informe aos servizos xurídicos das Cortes para saber se é legal esta prórroga da concesión a Ence.

“Falamos dun informe que non pasou polo Congreso, o Senado ou o Parlamento de Galicia, un documento que foi determinante e ninguén ten, só Ence”, afirma Vilán, que lembra que a Cámara aprobou na pasada lexislatura unha iniciativa, apoiada polo PP, na que todos os grupos defendían o traslado da fábrica.

“Facer isto sen ningún tipo de publicidade, anuncio previo e consenso é propio do Partido Popular, o presidente Feijóo comprometeuse en varias ocasións co traslado da empresa, deu a súa palabra, polo que o de hoxe é un exemplo máis da súa forma de facer política”, engade a portavoz de Medio Ambiente dos socialistas.

Por outra parte, o PSdeG lembra que o Parlamento de Galicia aprobou o pasado mes de decembro unha nova Lei de Transparencia, “na que o PP Feijóo defendía que os gobernos en funcións só podían tratar e aprobar asuntos ordinarios; co que pasou hoxe con Ence, queda claro que é papel mollado, a Xunta e o Goberno actúan de novo de costas á cidadanía e enganando, sen cumprir as leis que eles mesmos impulsan”.