Abel Losada acusa ao goberno galego de empregar os fondos públicos “para financiar os salarios dos altos cargos dun gran estaleiro vigués en lugar de para facer barcos”

Información
Astilleros 07 Julio 2016
social youtube xornalgalicia   feed-image

O PP veta unha proposta socialista para renovar a flota galega de altura e establecer unha liña de apoio os traballadores

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 16. O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao goberno galego de “empregar as axudas dos fondos públicos para facer barcos, nos salarios que superan os cen mil euros anuais dos altos cargos dun gran estaleiro vigués, cunhas redes clientelares clarísimas”. Así o dixo no debate da proposición non de lei para o seu debate na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo sobre a renovación da flota galega de altura, que foi vetada polo PP.

O deputado socialista afirmou que “a Xunta de Galicia xustifica que este tema sobrepasa as súas competencias cando consideramos este un tema fundamental, xa que o futuro do naval pasa pola innovación e pola diversificación, como o único camiño ao éxito, pensamos que é o momento de que o goberno galego se comprometa con apoio institucional e orzamentario”.

Engadiu que “se trata de atopar fórmulas que aseguren a renovación da flota pesqueira nos estaleiros da comunidade, tendo en conta os datos que deben axudar a valorar a importancia de este segmento de actividade para o sector da construción e reparación naval”. Puntualizou que “é imprescindible que este segmento de actividade, dadas as súas especificidades poida dispoñer non só de tódolos mecanismos de apoio financeiro, senón do acceso ao novo Tax Lease”.

Losada explicou que “imos ter que competir con estaleiros europeos que son líderes indiscutibles neste segmento, con máis do 80% de cota de mercado, xa que países como Noruega, Francia ou Finlandia manteñen unha estreita vinculación co segmento de construción de buques de pesca. No caso de Galicia xera un volume moi importante de actividade de reparación e mantemento que se mantén moi fiel coa industria local”.

O grupo socialista subscribiu a idea lanzada polo presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), no transcurso da presentación das xornadas técnicas da sexta edición de Navalia, para que a renovación da flota galega de altura que faena en caladoiros de terceiros países a través de empresas mixtas, se realice na medida do posible en caladoiros galegos.

A flota viguesa está a perder terreo fronte aos países asiáticos, de forma que xa só representa o 0,5% das capturas a nivel mundial, e que a media de idade dos buques supera amplamente os trinta anos, polo que o grupo socialista considera “urxente” abordar a súa renovación para seguir sendo competitivos. Os avances en materia de deseño, procesamento e almacenamento do peixe farán ademais que os novos buques sexan máis grandes, máis potentes, respectuosos co medio ambiente e máis eficientes.

Iniciativa

Os socialistas instaron á Xunta a deseñar, en colaboración co sector naval galego, unha estratexia para optimizar o impacto da renovación da flota de altura galega no tecido produtivo galego. Tamén reclaman un Plan de Apoio para os estaleiros galegos e a industria auxiliar do naval para a renovación da flota de altura, establecer unha liña específica de apoio a formación dos traballadores e establecer mecanismos de control no sector para garantir a calidade e estabilidade no emprego xerado.

Ademais, demanda do Goberno de España unha maior implicación de cara a posta en marcha dun marco de estabilidade do acceso ao novo “Tax Lease” por parte da construción naval civil.